Saturday 20 de April de 2024

O programa “A Administración cerca de ti” ofrecerá a oportunidade de obter no momento o certificado dixital da FNMT


O ciclo de charlas sobre a Carpeta Cidadá e a Administración electrónica estatal chega este mércores ás 11:30h á Casa da Cultura de San Sadurniño

 

O Ministerio de Política Territorial está desenvolvendo a campaña “A Administración cerca de ti” deseñada para informar e axudar á veciñanza dos municipios rurais en todo o relacionado cos trámites electrónicos. Trátase dun programa de acompañamento no que se explicarán as vantaxes da Carpeta Cidadá, onde se recollen todos os servizos en liña que ofrece a Administración Xeral do Estado e onde, desde un único sitio, se poden facer xestións e consultar unha chea de datos, como por exemplo notificacións, os puntos do carné de conducir, as próximas datas da ITV, os títulos académicos, as propiedades inmobiliarias que se posúan, etc.

Porén, o máis interesante da campaña “A Administración cerca de ti” é que durante as presentacións que se están levando a cabo por todo o país -en San Sadurniño este mércores 8 de marzo ás 11:30h na Casa da Cultura- as persoas asistentes poderán solicitar no momento o seu certificado electrónico, que serve para facer trámites sen moverse da casa coas administracións estatais, pero tamén co Concello, a Xunta, a Deputación e calquera outro organismo público.

É importante non deixar pasar a charla polo que nela se nos vai explicar e, sobre todo, porque será unha boa oportunidade de conseguir o certificado dixital contando coa axuda de profesionais que nos ensinarán a usalo, así como todas as posibilidades que nos ofrece para facer trámites de maneira máis rápida e cómoda.

Para obter o certificado da FNMT é necesario acudir á charla levando o DNI en vigor e dispor dunha conta de correo electrónico para que nos envíen a ela o arquivo e o código de verificación, polo que tamén fará falla que as persoas interesadas poidan entrar no correo desde o móbil. Se non se ten correo electrónico pode levarse unha memoria USB para gardar nela o certificado. Unha vez o teñamos poderemos utilizalo na Carpeta Cidadá da Administración Xeral do Estado e nas sedes electrónicas de calquera organismo público, tamén na do Concello de San Sadurniño, da Xunta ou da Deputación.